Thursday 16 de May de 2024

A secretaria xeral de Igualdade visita ás participantes no programa Mergúllate, que se desenvolve no Concello de Boqueixón


O alcalde, Manuel Fernández Munín, salientou a importancia deste tipo de iniciativas e agarda que poida ter continuidade nun futuro

A secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, realizou unha visita ás participantes no programa Mergúllate que se está a desenvolver no Concello de Boqueixón. O alcalde, Manuel Fernández Munín; o delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, e mais a concelleira boqueixanesa de Servizos Sociais e Igualdade, Ana María Seijo, acompañaron á López Abella no seu encontro coas participantes nesta iniciativa que organiza a Asociación de Mulleres con Discapacidade de Galicia (ACADAR).

O Concello de Boqueixón colabora no desenvolvemento deste programa. Durante a súa visita, López Abella tivo a oportunidade de coñecer a opinión das usuarias deste servizo e tamén de intercambiar impresións coa presidenta de ACADAR, Mónica Álvarez; a directora do CIM de Boqueixón, Cristina Carbajales, e mais a educadora familiar boqueixanes, María Pereira.

Manuel Fernández Munín salientou a importancia do Mergúllate, xa que ofrece “unha atención personalizada e específica para mulleres con discapacidade da nosa contorna”. Neste senso, púxose á disposición tanto da Secretaría Xeral de Igualdade coma da asociación para “dar continuidade a este programa que está a contribuír moi positivamente nas súas participantes”.

Un extremo no que tamén coincidiu Susana López Abella, quen se amosou moi satisfeita pola boa resposta que están a ter as distintas sesións por parte das súas usuarias. Neste senso, amosou a súa vontade de poder continuar co programa Mergúllate nos vindeiros anos.

Os obradoiros, impartidos por persoal especializado de ACADAR, desenvólvense todos os luns deste mes e do próximo no Centro Socio Cultural de Lestedo. Durante estas sesións grupais abórdanse temas como o incremento da autoestima, promoción da saúde, mellora das habilidades sociais e intelixencia emocional, prevención e detección de situacións de violencia, entre outros.